Graduada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2015). Máster Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade pola USC, a UVigo e o CSIC-Incipit (2016). Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas pola Universidade de Santiago de Compostela (2022). Doutora en Historia, Xeografía e Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, coa tese «Prisioneiras do tear: Muller, corpo, tecido e vestido na Grecia antiga. Análise histórico-antropolóxica», baixo a dirección do Dr. Francisco Javier González García (2022).
Bolseira Predoutoral da Xunta de Galicia no Departamento de Historia da Facultade de Xeografía e Historia na USC (2018-2021). Actualmente forma parte do Grupo de Investigación Síncrisis, como Investigadora Posdoutoral da Xunta de Galicia na USC.
Especialista en estudos de xénero na Antigüidade, a súa liña de investigación principal aplicou os presupostos da historia antropolóxica do mundo grego antigo para afondar, a través da análise das relacións que a labor do tecido establece coa muller, nos valores e formas culturais, tanto físicas como intelectuais, conectadas ao universo feminino. Na actualidade, a súa investigación en curso céntrase en comprender o significado cultural que, na antiga Grecia, se lle concedeu ao hermafrodita e en discernir, a partir da aplicación da ideoloxía transxénero, como na Antigüidade se pensou o xénero non binario e por que, dentro dun mundo tan marcado pola masculinidade e o sometemento feminino, foi tan necesario pensalo.
A súa produción científica plásmase en seminarios e conferencias realizados en diversas institucións académicas, así como en diversas publicacións de índole nacional e internacional. Participou en varios proxectos de investigación, entre os que cabe citar «Los Lugares del Saber en la Atenas democrática (PID2019-106782GB-100)» e «Gynaikes, Mulieres: mujeres, dones, emakumeak, mulleres de Grecia e Roma» (FCT-20-16887). Durante o seu período predoutoral realizou unha estadía na Unité Mixte de Recherche (UMR 8210) Anthropologie et Histoire des Mondes Antiquies (ANHIMA) (CNRS-EHESS, CNRS-EPHE) de París (2019) e, no marco dp seu proxecto posdoutoral actual, está levando a cabo unha estadía de investigación no Centro AMA, Antropologia del Mondo Antico, Centro Interuniversitario di Ricerca di Siena (2025-2027).
Universidade de Santiago de Compostela – Grupo Síncrisis. Investigación en Formas Culturais (GI-1919-SIFC), España
https://investigacion.usc.gal/investigadores/1331604/detalle?lang=es