O próximo xoves 23 de setembro terá lugar no Museo Provincial de Lugo ás 19.30h. a conferencia "Santa Eulalia de Bóveda: datacións absolutas dun edificio sen consenso".
Tras transcorrer case un século desde o seu descubrimento en 1926, Santa Eulalia de Bóveda (Lugo) segue sendo un controvertido edificio tanto desde o punto de vista da súa funcionalidade como da súa cronoloxía. O obxectivo deste equipo de investigación foi levar a cabo un estudo pormenorizado de diferentes materiais construtivos empregados no edificio, e a súa datación combinando varias técnicas coa intención de tentar obter unha cronoloxía absoluta para as distintas fases identificadas grazas á lectura de paramentos desenvolvida nos anos 2007-2008. Realizouse un estudo petrográfico e mineralóxico dos morteiros conservados, e a datación por Luminiscencia Ópticamente Estimulada (OSL) e radiocarbono de morteiros e termoluminiscencia (TL) e OSL de ladrillos. O estudo destes materiais foi complexo, en parte, por tratarse do primeiro exemplo no que esta técnica se aplicou de forma sistemática en Galicia, en parte, porque o edificio foi sometido a diferentes restauracións e tratamentos de conservación ao longo do tempo que alteraron en gran medida os morteiros de cal do mesmo nas xonas máis expostas. Na actualidade, grazas á experiencia acumulada noutros exemplos galegos dentro de distintos proxectos de investigación, e a financiación obtiva da Fundación Palarq para desenvolver un traballo de datación específico do monumento e dos restos de pintura da desaparecida bóveda central, hoxe conservados no Museo Provincial de Lugo, puidemos volver a traballar cos resultados preliminares e con novos datos. Tras desenvolver finalmente un total de 39 datacións, o que o convirte no edificio mellor estudado dende esta perspectiva a nivel mundial, estamos en condicións de compartir os resultados das mesmas e abrir un novo debate sobre este monumento a partir xa de conclusións definitivas.
A conferencia será impartida por Rebeca Blanco-Rotea (Grupo de Investigación Síncrisis, USC), Jorge Sanjurjo Sánchez (Unidade de Xeocronoloxía - Instituto Universitario de Xeoloxía, Universidade da Coruña - UdC), David Martín Freire-Lista ( Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e do Centro de Geociencias (CGeo) da Universidade de Coimbra).
Data: 23 de setembro
Hora: 19.30-21.00
Comments