A construción da paisaxe galega entre a Tardoantigüidade e a Idade Media


Xurxo Ayán Vila e Rebeca Blanco-Rotea coordinan as xornadas "A construción da paisaxe galega entre a Tardoantigüidade e a Idade Media: socalcos, campesiñado e cristianismo" (A Pobra do Brollón, Lugo, 24-25 setembro) organizadas polo Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños María Castaña.


Pódese acceder ao programa e inscripción a través desta ligazón.


O encontro é de carácter presencial e o número de prazas, limitado. As persoas interesadas en asistir presencialmente deberán obrigatoriamente inscribirse no formulario que arriba se indica.


O acto non contará con retransmisión en directo, pero será gravado e posto a disposición das persoas interesadas nas próximas semanas no web do Consello da Cultura Galega.


A intención destas xornadas é recoller os resultados de diferentes proxectos que se están desenvolvendo en Galicia arredor da construción da paisaxe galega nun período que foi clave durante a Alta Idade Media e do que, grazas a eles, estamos comezando a comprender na súa verdadeira dimensión. De feito, os resultados están mostrando un discurso alternativo ao hexemónico no que as comunidades rurais teñen moito que dicir. A maior parte son proxectos construídos dende abaixo, participados pola sociedade e liderados por investigadoras e investigadores novos, cuxos obxectivos e desenvolvemento contrastan cos procesos que, dende arriba, teñen lugar en paisaxes como as da Ribeira Sacra. Non obstante, estes discursos tamén deberán integrarse porque forman parte da propia construción identitaria da actual Ribeira Sacra. A idea é artellar as xornadas en tres eixes temáticos: materialidades / paisaxes / pensamento.Nestas xornadas, coordinadas en colaboración entre Rebeca Blanco-Rotea (Consello da Cultura Galega, USC) e Xurxo Ayán Vila (Universidade Nova de Lisboa), quen desenvolve varios dos proxectos que se levan a cabo na Ribeira Sacra (Castro de San Lourenzo, Os Conventos, Adegas da Memoria), tamén se pretende dar cabida a discursos arqueopoéticos, da man da participación de Olga Novo. As xornadas levaranse a cabo na Ribeira Sacra do bordo oriental, na Pobra do Brollón, contando co apoio do concello, da asociación de veciños de Cereixa María Castaña e dos proxectos locais, rompendo o eixe habitual nas actividades.


Este encontro, organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón, Bicentenario Concello de Cereixa, Proxecto Arqueolóxico Castro de San Lourenzo e Asociación de Veciños María Castaña, e coordinado por Rebeca Blanco-Rotea, e Xurxo Ayán, contará coa participación de Ivan Álvarez Merayo (Coureleando), Sonia García Rodríguez (arqueóloga), Xurxo Ayán Vila (NOVA de Lisboa), Rebeca Blanco-Rotea (arqueóloga, USC), Francisco Alonso Toucido (Tempos Arqueólogos), Cruz Ferro (Universidade do Algarve), Vítor Rodríguez Muñiz (UVigo), Juan Pablo López García (lectura), Olga Novo (escritora e profesora de ensino secundario) e Puri Díaz Ferreiro (viños Val do Frade). Dentro do programa realizaranse visitas ao castro e necrópole medieval de San Lourenzo (Cereixa), ao casco medieval da Pobra e a Vilachá. Miradoiro da Capela, conxunto etnográfico das Adegas de Vilachá.

21 visualizaciones0 comentarios