top of page

Encontro Monográfico co Patrimonio Cultural.28: EPIGRAPHICA 3.0 (Compostela, 2 xullo 2019)


Martes, 2 de xullo ás 17:00 horas

Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela)

Organiza: Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega.

Esta reunión ten como obxecto presentar os resultados da investigación e as principais contribucións en materia de preservación e socialización do patrimonio epigráfico galego de época romana pertencentes ao proxecto “Epigraphica 3.0: Cara á creación e deseño dun corpus dixital de inscricións romanas da provincia de Ourense”. Financiado pola Xunta de Galicia (2017-2019) e concibido como unha ferramenta innovadora ao servizo da investigación histórica, a accesibilidade dunha parte dos bens culturais galegos, e a planificación de políticas patrimoniais orientadas á súa conservación e posta en valor, Epigraphica 3.0 aplicou por vez primeira de forma sistemática as tecnoloxías dixitais nos estadios de documentación, análise e difusión das inscricións romanas de Galicia, en concreto da provincia de Ourense. O resultado é un corpus en liña e en open access que combina o uso da metodoloxía epigráfica tradicional co emprego de novas ferramentas ao servizo da investigación epigráfica: a fotogrametría SfM, o modelado 3D, o procesamento dixital de imaxes, o desenvolvemento dunha base de datos relacional e a programación web. Todo iso permite un acceso universal e interactivo á información epigráfica mediante un motor de busca avanzada, un visor cartográfico e un visor de modelos 3D, así como a descarga da información textual e gráfica de cada inscrición. No ámbito da preservación do patrimonio cultural, Epigraphica 3.0 procura paliar algúns dos efectos negativos que certos problemas estruturais, como o despoboamento e o envellecemento demográfico, e de investigación epigráfica, como a mala lexibilidade das inscricións en granito, ocasionan no coñecemento e a conservación das epígrafes romanas, establecendo unhas bases documentais máis sólidas e precisas para a realización de futuras investigacións históricas sobre a presenza romana en Galicia.

Participan David Espinosa Espinosa (director científico e especialista en epigrafía romana, Universidade de Santiago de Compostela), Miguel Carrero Pazos (especialista en fotogrametría e modelado 3D, Universidade de Santiago de Compostela), Borja Paz Rodríguez (especialista en programación e desenvolvemento web Tecnoloxías Plexus) e Pedro López Barja de Quiroga (profesor titular de Historia Antiga, Universidade de Santiago de Compostela).

Podes consultar o PROGRAMA.

Nesta ligazón podes facer a túa SOLICITUDE DE INSCRICIÓN

28 visualizaciones0 comentarios
bottom of page