A paisaxe fortificada da fronteira sur de Galicia en época moderna e a súa interpretación dende a ar


Nas últimas décadas cobraron un importante pulo as paisaxes dentro dos programas de xestión integral do Patrimonio Cultural levados a cabo en distintos ámbitos. As diferentes lexislacións e cartas internacionais veñen facendo un gran esforzo por definir o concepto de paisaxe, contribuír a súa caracterización, establecer instrumentos para a súa xestión e incorporalos dentro dos catálogos de patrimonio cultural desenvolvidos por diferentes administracións públicas. A paisaxe é un concepto contextual, multivocal, dinámico e complexo que non só necesita unha reflexión sobre a súa natureza, senón outra moi importante sobre a súa xestión dada a fraxilidade que presentan, fundamentalmente pola acción do ser humano sobre o medio que se ven producindo dende a industrialización e que afecta directamente ás paisaxes históricas, dado que as transforma e modifica incorporando novos significados a través de novas prácticas sociais. Nesta ponencia partirase da idea de considerar a paisaxe como un produto sociocultural, e de que o seu estudo e comprensión coas ferramentas axeitadas permitiranos acceder á sociedade que as habitou, viviu e modificou; comprender como foi a súa transformación e contribuír a súa xestión no presente.

A nosa poposta analiza a paisaxe fortificada que en época moderna xerouse no sur de Galicia, na fronteira con Portugal, durante o período da Guerra da Restauração Portuguesa (1640-1668). Neste espazo a paisaxe fronteiriza estudouse empregando, fundamentalmente, ferramentas de natureza arqueolóxica. A arquitectura e a paisaxe daquel período chegaron á actualidade incompletos e transformados, sendo necesario establecer un modelo de traballo que abordase conxuntamente ambas as dúas manifestacións do rexistro arqueolóxico, de xeito que se puidera identificar, documentar, analizar e interpretar este rexistro acudindo ao marco teórico-metodolóxico escollido, a Arqueoloxía do Espazo Construído.

Máis información nesta ligazón.

#paisaxe #Galicia #arquitecturaepaisaxe #patrimonio