Call for papers: Número monográfico da revista SÉMATA (Transdisciplinariedade para un Futuro Respons


1. Título

Transdisciplinariedade para un Futuro Responsable. Bioeconomía e Memoria dos Territorios

2. Editores

Eduardo Corbelle Rico [eduardo.corbelle@usc.es] Marco V. García Quintela [marco.garcia.quintela@usc.es] María Loureiro García [maria.loureiro@usc.es]

3. Proposta

O futuro do Planeta e da Humanidade está directamente relacionado coa capacidade para garantir unhas condicións sustentables. De garantir a transición material dunha economía baseada en recursos finitos e contaminantes a outra baseada na natureza atende a Bioconomía, como unha proposta aberta que traballe na innovación ao servizo da sustentablidade. Unha proposta que require para ser formulada e construída de moitas compoñentes transdisciplinares, que xa veñen sendo desenvolvidas dende hai dúas décadas no ámbito da agroecoloxía, por exemplo.

É nese ámbito no que se formula esta proposta, que debe ter en conta as identidades, as comunidades, as persoas, as culturas, as memorias, a historia, o patrimonio, a enxeñería, ou a economía, a analizar dende enfoques e metodoloxías diferentes pero converxentes, que nos permitan, indagar, coñecer e medir as actividades que se desenvolven e afectan ao territorio, as persoas que o ocupan, a forma que teñen de organizalo e gobernalo, tendo ademais en conta a dependencia da traxectoria, co obxectivo de contribuír a deseñar as solucións para un futuro sustentable.

Para este número de Sémata queremos facer un exercicio práctico de transdisciplinariedade enfocado a ensaiar a análise dende moi diferentes enfoques dun problema: o manexo dun territorio periférico -económica e politicamente- na actualidade, situado nunha rexión europea de antiga ocupación e nas rotas de comunicación transatlántica dos últimos tres mil anos, sendo importante unha perspectiva comparada entre diversos territorios con situacións semellantes. A pregunta de investigación é ¿como contribuír a comprender mellor a relación entre a calidade de vida nas comunidades nos seus territorios? Un territorio no que domina o desequilibrio, o abandono, o avellentamento, a desocupación e a falta de aproveitamento dos amplos recursos naturais, culturais e patrimoniais que poden servir para a procura de solucións tendo en conta o coñecemento dos problemas e as posibilidades de innovación que poden deseñarse coas ferramentas actualmente dispoñibles.

O número organízase en dous bloques:

  1. Coñecemento e diagnóstico das dificultades e capacidades do territorio como espazo social: regresión demográfica, despoboamento, concentración urbana e suburbanización difusa, abandono rural e incendios forestais, desequilibrios internos e constitución dun eixo costeiro norte-sur poderoso, lonxitude de costas, vantaxes das rías e contaminación, desagrarización, emerxencia dunha economía rural complexa e especialización espacial produtiva, redución das distancias e disfuncións na organización administrativa e política do territorio, difusión turística, densidade patrimonial e potencial de innovación cultural; perdas e fortalezas de identidade e cohesión social

  2. Indagación e avaliación de propostas e solucións aplicadas no marco da Bioeconomía. Identificando recoñecidas capacidades sociais e produtivas que hoxe poden converterse en vantaxes comparativas (manexo do territorio para agricultura orgánica, xestión social dos montes veciñais,...) e favorecendo as actitudes emprendedoras e as iniciativas ecoinnovadoras con arraigada base social e cultural.

4. Artigos solicitados

Pretendemos obter un conxunto de artigos que incidan de maneira plural en cinco grandes áreas de investigación

1. Economía, territorio e emprendemento.

2. Poboación e proceso demográfico.

3 Bioeconomía, recursos naturais e agroecoloxía.

4. Xestión innovadora dos recursos patrimoniais e culturais.

5. Comunidades, políticas públicas e gobernanza do territorio.

Dentro de cada área, as propostas orientaranse segundo os dous bloques indicados, o primeiro máis histórico o segundo tendente a prospectiva.

En todos os casos, primaranse traballos que aporten olladas transdiciplinares e unha ambición explicativa sintética en torno o tema proposto.