O día 30 de novembro (16:00 h.), dentro do programa de actividades do Consello da Cultura Galega "Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural", terá lugar o número 15 denominado "A ourivería dos castros: novos paradigmas" que coordina Xosé Lois Armada (Incipit-CSIC). Esta actividade será presentada pola nosa compañeira, Rebeca Blanco Rotea, quen tamén modera a Mesa Redonda, "No obradoiro do ourive: retos e sorpresas nainvestigación do Tesouro de Recouso".
Aquí vos deixamos o programa desta actividade, que precisa dunha inscrición previa.
A ourivería é unha das manifestacións máis salientables da cultura dos castros do noroeste. A abundancia de recursos auríferos e a mestura de correntes atlánticas emediterráneas contribúen a explicar unha produción ourive de alta calidade, da que hoxe coñecemos máis de duascentas pezas conservadas nos nosos museos (torques, arracadas, brazaletes, diademas-cinturón, etc.).A aparente ausencia de contextos, a dificultade de acceso aos materiais e o predominio dos enfoques tipolóxicos condicionaron durante décadas a investigación desta ourivería. Porén, dende comezos do novo milenio veñen xurdindo novos enfoques metodolóxicos e interpretativos. Estas novas achegas priorizan o estudo tecnolóxico e arqueométrico, procuran nova información contextual e cronolóxica e tentan comprender este fenómeno no contexto social das comunidades da Idade do Ferro e dos primeiros tempos da presenza romana.Dende o ano 2010 o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC vén liderando proxectos de investigación financiados en convocatorias públicas competitivas orientados ao estudo da metalurxia protohistórica da Europa atlántica. A investigación sobre a ourivería dos castros constitúe unha parte moi salientable destes proxectos. O obxectivo do presente encontro é facer un balance divulgativo do traballo realizado até o presente, con especial énfase nun dos conxuntos máis salientables da ourivería castrexa: o Tesouro de Recouso. Atopado de maneira casual nun castro do concello de Oroso arredor de 1920, na actualidade o conxunto está composto por 16 arracadas, diversos elementos de suspensión, tres lingotes planoconvexos e unha masa de fundición. Conservado dende o ano 2002 no Museo das Peregrinacións e de Santiago, trátase hoxe en día do conxunto de ourivería castrexa estudado cun maior número de técnicas analíticas.
Será o último do 2017, e coincide este encontro co segundo aniversario dende que puxemos en marcha esta actividade na Sección de Patrimonio e Bens Culturais, polo que faremos un balance sobre a súa repercusión, a participación do público, e unha pequena retrospectiva. Tamén abordaremos o programa para o 2018.
Nestes dous anos tivemos dous encontros nos que estaba implicado o grupo Síncrisis: un sobre o proxecto EMCHAHE e outro sobre o colectivo RomanArmy.eu, e, indirectamente un terceiro centrado no xacemento de Baroña.