Conferencia de Marcos Fernández Ferreiro (9 novembro 2017)


Abrimos o curso 2017-2018 con un seminario a cargo de Marcos Fernández Ferreiro que intentará iluminar un tema a miúdo marxinalizado e esquecido como foron os propios escravos.

Que é a escravitude? E a servidume? Que ocorreu coa escravitude clásica e tardoantiga durante a época altomedieval? Houbo escravos e escravas no territorio galaico por aquel tempo? A resposta a estas e outras preguntas sobre o estatus social servil entre os séculos ix e XII é o que intentaremos clarificar na medida do posible neste seminario monográfico. E farémolo, centrándonos especialmente nun dos varios aspectos necesarios para definir o significado de carecer de liberdade: a reificación dos seres humanos. Ou o que é o mesmo, a súa «cousificación», facer deles e delas unha posesión equiparable a un obxecto calquera, a un ben moble; pois, á vista das probas documentais, non parece haber dúbidas de que este tipo de comportamentos se deu no noroeste peninsular hai arredor de mil anos e a intención é poder achegarnos a eles.Cabe aínda outra pregunta: por que a alta Idade Media? A escolla deste período histórico concreto para o estudo da cuestión non é aleatoria. Abofé, o discurso historiográfico dominante proporciónanos dende hai décadas unha historia da escravitude bastante nítida, tanto para a época greco-romana e tardoantiga, como tamén para os séculos XIII-XIX. Porén, a situación parece máis difusa entre medias. Neste sentido, historiadores e historiadoras do alto medievo, cando centran as súas investigacións no noroeste peninsular, atópanse en múltiples ocasións con fontes escritas de difícil interpretación, pero nas que os conceptos e as expresións empregadas apuntan cara situacións servís que denotan unha clara dominación dunhas persoas sobre outras, e ás que non se lles deu aínda un sentido de conxunto. Aproximarse a ese sentido global é a intención última do noso proxecto e neste seminario poderemos ver algunha das pezas do crebacabezas.

Esperámosvos o xoves 9 de novembro na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia ás 19h.

#docencia #divulgación #conferencia

0 vistas