MARIO PEREIRO FERNÁNDEZ

Doutor en Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (2019), con investigacións centradas nos recintos fortificados altomedievais do noroeste peninsular (séculos V-X d.C.). Na actualidade é investigador posdoutoral beneficiario das Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral (2025-2028) da Xunta de Galicia, co proxecto “Estratexias de Control Territorial na Gallaecia Altomedieval (ConTroGAL)”. O seu traballo inscríbese no marco do proxecto de investigación “Castelos no Aire”, do que é fundador e que dirixe desde o ano 2020. Previamente foi beneficiario das Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral (2022-2025) da mesma institución, durante as cales realizou estancias de longa duración como investigador visitante no Institute of Archaeology (University College London), baixo a supervisión do Dr. Stuart Brookes, e na Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho, baixo a supervisión da Dra. Rebeca Blanco-Rotea.

A súa investigación desenvólvese arredor de tres liñas principais: a Arqueoloxía do Poder; o estudo das paisaxes arqueolóxicas do noroeste peninsular entre o final do Imperio Romano de Occidente e a Alta Idade Media; e a Arqueoloxía do Conflito, desde unha perspectiva de longa duración. O seu traballo segue os principios metodolóxicos da Arqueoloxía da Paisaxe e da Arqueoloxía da Arquitectura, e permitiu documentar numerosos xacementos inéditos, así como formular novas narrativas sobre a Alta Idade Media na Galiza e, por extensión, no noroeste peninsular.

Forma parte do grupo de investigación “Síncrisis. Investigación en formas culturais”; e como investigador colaborador no Instituto de Estudos Medievais (Universidade Nova de Lisboa).

Investigador Posdoutoral Xunta de Galicia. Síncrisis, CISPAC