Marta Mariño Mexuto

Marta%20MARI%C3%91O%20MEXUTO_edited.jpg
PROYECTO DE TESIS
A reescritura do mito na novelística de materia clásica de Álvaro Cunqueiro.
Dirección de tesis doctoral: Helena de Carlos Villamarín.

      A presenza de tramas e personaxes mitolóxicos na obra, tanto narrativa como poética, de Álvaro Cunqueiro, é constante e non se reduce só ao ámbito clásico, do que se ocupa este traballo, senón que aparecen importantes manifestacións dos mitos artúricos, celtas e mesmo da tradición árabe d’As mil e unha noites. De isto dan conta moitos dos títulos das súas novelas Las mocedades de Ulises, Merlín e familia, Si o vello Sinbad volvese ás illas e Un hombre que se parecía a Orestes, unha das novelas nas que se centrará especialmente este traballo de investigación.

      Ademais, unha obra non se circunscribe a un único mito, pois Cunqueiro mestura a miúdo diferentes tradicións mitolóxicas e Un hombre que se parecía a Orestes ou Las mocedades de Ulises, por citar aquelas de temática clásica máis evidente, non son unha excepción. Nestas novelas, o autor reinterpreta tamén dende o seu particular punto de vista elementos da novela amorosa bizantina, da novela de cabalarías ou da novela de formación (Bildungsroman), entre outros. Porén, este traballo terá como fin analizar de que forma reinterpreta Cunqueiro o mito clásico e, para isto, sinalaranse as diferenzas que existen con respecto do tratamento do mito, fundamentalmente na traxedia grega, pero tamén noutras manifestacións literarias que contribuíron ao establecemento das distintas fábulas nas súas versións máis coñecidas. Teranse en conta aspectos cruciais na transformación do mito, como o peculiar uso que Cunqueiro fai do humor nas súas novelas, que non necesariamente supón unha desvalorización do tráxico, como xa se afirmou noutras ocasións, senón que as relaciona con manifestacións literarias máis antigas nas que estaban presentes o humor e un realismo case naturalista, que non por isto as apartaba da esfera tráxica. Tratarase tamén a súa visión dos xéneros literarios como un continuum, de forma que, nunha mesma obra, se suceden e mesturan distintos xéneros segundo o autor cre conveniente para canalizar a súa historia.

Antecedentes:

Aínda que a narrativa cunqueiriana foi e continúa a ser amplamente estudada, non abundan tanto os traballos que profundizan na súa relación co mito clásico. Este é un aspecto que adoita tratarse dentro de estudos de temática máis aberta. Entre estes podemos citar os de Martínez Torrón (La fantasía lúdica de Álvaro Cunqueiro, 1980), de la Torre (La narrativa de Álvaro Cunqueiro, 1988), Tarrío Varela (Álvaro Cunqueiro ou os disfraces da melancolía, 1989), Morám Fraga (O mundo narrativo de Álvaro Cunqueiro, 1990), González-Millán (Álvaro Cunqueiro: os artificios da fabulación, 1991), Pérez-Bustamante (Las siete vidas de Álvaro Cunqueiro, 1991), M. López López (El mito en cinco escritores de posguerra: Rafael Sánchez Ferlosio, Juan Benet, Gonzalo Torrente Ballester, Álvaro Cunqueiro, Antonio Prieto, 1992),), entre outros. Porén, algúns artigos si que tratan o tema do mito de maneira máis especializada: entre eles podemos citar os Rabanal Álvarez (“El mito de Orestes en la novela del gallego A. Cunqueiro”), Smith (“El mito en la obra de Álvaro Cunqueiro”), Arbona e Navío (“El mito de Ulises en la literatura española de posguerra: Las mocedades de Ulises de Álvaro Cunqueiro”) R. López López (“Humanización del mito de Ulises a través de la parodia: de Álvaro Cunqueiro a Roberto Bolaño”) e García Sola (“Influencia del mito clásico en Álvaro Cunqueiro”). Contamos tamén con varias teses doutorais que tratan aspectos interesantes para o noso traballo, como as de Antonio Gil (Teoría y crítica de la metaficción en la novela española contemporánea. A propósito de Álvaro Cunqueiro y Gonzalo Torrente Ballester), Juan Manuel López Mourelle (El héroe en la narrativa de Álvaro Cunqueiro) e Massimilla Pialorsi (Juegos metaliterarios e imaginación en la obra de Álvaro Cunqueiro).
 

Obxectivos:

O obxectivo xeral do traballo é a análise dos elementos do mito clásico que fai Cunqueiro na súa narrativa, para chegar a confirmar ou refutar a hipótese de que o autor non fai unha desvalorización do mito ou unha desmitificación, senón que a súa visión constitúe simplemente unha reescritura máis do mito, que mostra a capacidade deste para ser infinitamente reinterpretado.

Metodoloxía:

Para dotar á investigación duns fundamentos teóricos sólidos, basearémonos en primeiro lugar en distintos autores que xa se ocuparon de definir e teorizar sobre o mito, como Brunel ou Trousson. Unha vez delimitada a definición de ‘mito’ que se utilizará en adiante, estableceranse tamén as principais fontes clásicas que deron lugar á configuración do mito que se vai tratar, tal e como o coñecemos hoxe en día. Cun enfoque comparatista, consideraremos que modificacións leva a cabo Cunqueiro, e con que obxectivos, nos personaxes, o tempo e o lugar en que sitúa a acción en cada caso. Sinalaranse as semellanzas no tratamento do mito con respecto da traxedia grega, que, a miúdo, pasan desapercibidas, ao ser os cambios probablemente a cuestión máis salientable. Tamén recibirá especial atención o papel do xénero literario, posto que o autor mostra unha tendencia á mestura neste aspecto coma noutros, de forma que nunha novela podemos encontrar pequenas pezas teatrais ou trazos e incluso parodias doutros xéneros: é o caso, por exemplo, de Un hombre que se parecía a Orestes, obra na que a subversión do mito cobra máis protagonismo, polo que se lle dedicará unha atención especial.

Utilizaremos a seguinte bibliografía básica:

Obras de Cunqueiro

CUNQUEIRO, Álvaro (1969), Un hombre que se parecía a Orestes, Barcelona, Destino.

———— (1989), Las mocedades de Ulises, Barcelona, Destino.

Obras clásicas

ESQUILO (1986a), Agamenón en Tragedias, trad. de B. Perea Morales e intr. de M. Fernández Galiano, Madrid, Gredos, pp. 373-440.

———— (1986b), Las Coéforas, en Tragedias, trad. de B. Perea Morales e intr. de M. Fernández Galiano, Madrid, Gredos, pp. 441-491.

———— (1986c), Las Euménides, en Tragedias, trad. de B. Perea Morales e intr. de M. Fernández Galiano, Madrid, Gredos, pp. 493-538).

EURÍPIDES (1985), Electra en Tragedias, trad. e intr. de J. L. Calvo Martínez, Madrid, Gredos, pp. 275-338).

SÓFOCLES (2010), Electra, trad. de B. Perea Morales e intr. de F. Rodríguez Adrados, Madrid, Gredos.

Estudos básicos

BRUNEL, Pierre (1992), Mytocritique. Théorie et parcours, París, Presses Universitaires de France.

GONZÁLEZ-MILLÁN, Xoán (1991), Álvaro Cunqueiro: os artificios da fabulación, Vigo, Galaxia.

GRIMAL, Pierre (1984), Diccionario de mitología griega y romana, Barcelona, Paidós.

LÓPEZ LÓPEZ, Mariano (1992), El mito en cinco escritores de posguerra: Rafael Sánchez Ferlosio, Juan Benet, Gonzalo Torrente Ballester, Álvaro Cunqueiro, Antonio Prieto, Madrid, Verbum.

MORÁM FRAGA, César Carlos (1990), O mundo narrativo de Álvaro Cunqueiro, A Coruña, Associaçom Galega da Lingua.

PÉREZ-BUSTAMANTE MOURIER, Ana-Sofía (1991), Las siete vidas de Álvaro Cunqueiro, Cádiz, Servicio de publicaciones de la Universidad de Cádiz.

TORRE, Cristina de la (1988), La narrativa de Álvaro Cunqueiro, Madrid, Pliegos.

TROUSSON, Raymond (2001), Le thème de Prométhée dans la littérature européenne, Finebra, Droz.

Centro/s de realización da tese:

A tese desenvolverase na Facultade de Filoloxía.

Medios:

O estudo non se vincula a ningún grupo de investigación da USC, nin conta con ningún tipo de financiamento, bolsa ou contrato. A pesar de que solicitamos a beca FPU, finalmente non nos foi concedida.

Planificación temporal do traballo:

Contamos con tres anos para a realización deste traballo. A grandes trazos, o tempo organizarase da seguinte maneira:

— O primeiro ano comezaremos coa lectura das obras básicas. Ocuparémonos tanto da bibliografía de referencia sobre o mito, como das propias novelas de Cunqueiro, así como outras obras do autor que poidan resultar útiles e dos estudos xa existentes sobre el. Serán tamén obxecto de lectura as principais obras clásicas que teñan transmitido a versión máis coñecida hoxe en día do mito que se investigue.

— O segundo ano centrarémonos no establecemento de relacións e correspondencias, e levaremos a cabo a análise propiamente dita sobre os elementos xa citados da narrativa cunqueiriana.

— O terceiro ano faremos unha análise de forma máis global, de modo que podamos extraer unhas conclusión de todo o investigado anteriormente. ​