Samuel Nión Álvarez

samuel.nion@rai.usc.es

PROYECTO DE TESIS

Organización social e estrutura territorial na Idade do Ferro da comarca de A Coruña.

Dirección de tesis doctoral: Francisco Javier González García (USC), César Parcero Oubiña (Incipìt-CSIC).

 

No ámbito da Prehistoria recente, son varios os estudos realizados sobre a organización social, política e económica das sociedades da Idade do Ferro dentro dun marco xeográfico concreto (por exemplo, Currás, 2014; Fonte, 2015); así como tamén o son aqueles que, partindo dende os estudos territoriais e a arqueoloxía da paisaxe, buscan caracterizar a paisaxe dunha rexión determinada (Fábrega, 2004) ou obter conclusións a un nivel máis xeral a partires da comparativa de diferentes zonas (Parcero, 2002; Sánchez, 2008).

Nesta disertación, e coñecendo estes precedentes, buscaremos centrarnos nunha rexión delimitada (a comarca da Coruña) que non foi tratada con anterioridade a este nivel, así como a orgasnización territorial do poboamento e os procesos de cambio e continuidade acontecidos dende a Idade do Ferro ata o contacto con Roma.

A modo de hipótese iniciais, partimos dos dous asentamentos máis coñecidos arqueoloxicamente da zona: Punta de Muros e Elviña. Ambos caracterizan dúas fases diferenciadas da Idade do Ferro. Pero, ¿a que nivel son ambos exemplos paradigmáticos das sociedades do Ferro I e do Ferro II nesta rexión? A priori, Punta de Muros é un asentamento excepcional, cunha especialización na produción metalúrxica e cuns elementos arquitectónicos que deixan entrever unha organización urbanística e social sen apenas precedentes coetáneos (Cano, 2012). Elviña, pola súa parte, é considerado por algúns como un oppidum illado sen asentamentos comparables na zona. Outros néganlle o "estatus de oppidum" e o sitúan nun contexto social alleo ao proceso de "oppidización" (González, 2012); e noutros moitos casos fica ignorado nos estudos relativos a este proceso, posiblemente por situarse moi alonxado dos ámbitos habituais de estudo, centrados case sempre no Baixo Miño galego e no Alto Minho portugués.

Partimos pois, de dous elementos moi ben caracterizados e estudados a nivel particular, pero non a nivel territorial e de conxunto. Realizar unha análise de ambos xacementos e situalos no seu contexto histórico e arqueolóxico resulta imprescindible, pois só desa forma coñeceremos a súa importancia e a súa particularidade como asentamentos, e só deste modo poderemos valorar en boa medida a súa excepcionalidade. Comezando por estes dous asentamentos, e apoiándonos en diversas técnicas habituais na metodoloxía arqueolóxica (como poden ser os sistemas de información xeográfica ou a comparación de materiais), intentaremos interpretar a área da Coruña coa intención de coñecer os principais patróns da súa organización social, económica e territorial.

Dialnet

Please reload