top of page

Santiago de Compostela, 19 - 21 de setembro de 2018

  • Gris Facebook Icono

Os estudos sobre o Priscilianismo contan cunha longa historia en España en xeral e en Galicia en particular, que moitas veces desbordou o ámbito propiamente académico. Prisciliano, como personaxe máis ou menos ficticio, figura en novelas, películas (A vía láctea, de Buñuel), obras de teatro… a atención que lle dedicaron os investigadores foi igualmente notable: a bibliografía compilada por Sylvain Jean Gabriel Sánchez contén uns 680 títulos desde o ano 1500 en diante, 100 deles posteriores a 2004 (bibliografía). Debemos mencionar tamén a recentísima tradución ao castelán (novembro de 2017), por primeira vez, de todos os tratados priscilianistas conservados no códice de Würzburg, por M. J. Crespo Losada. Con todo, paradoxalmente, os congresos e reunións científicas foron escasos. En España, en data máis o menos recente, apenas podemos  nomear os de Zaragoza de 1980 (sobre o Concilio Caesaraugustano do 380), o curso de Verán da UIMP, que tivo lugar no Museo de Pontevedra, do 7 ao 12 de setembro de 1981, e foi clausurado por Camilo José Cela (as actas foron publicadas en Oviedo ao ano seguinte), e finalmente o que organizou a asociación cultural O Galo en Santiago de Compostela entre o 24 e o 26 de novembro de 2006.

 

Un panorama semellante é o que nos atopamos referente á arqueoloxía da Gallaecia Tardoimperial (séculos IV-V). A atención centrouse preferentemente en períodos anteriores, tanto na Idade Do Ferro (cultura castrexa) como xa no período altoimperial romano (séculos I-III). Con todo, a documentación arqueolóxica é abundante, en particular no que se refire ás chamadas villae, no fenómeno da chamada “reocupación de castros” ou no relativo á documentación sobre comercio mediterráneo. Fronte a tradicionais ideas de “crises” e “decadencia” estes datos revélannos un panorama máis complexo no que o Noroeste peninsular mostra un especial dinamismo social e económico.

 

Tendo presente todo o anterior, desde o Grupo de Investigación “Síncrisis. Investigación en formas culturais” da USC (Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia) plantexamos a pertinencia nestes intres de poñer en común as liñas de traballo de arqueólogos e historiadores. Con este congreso, pretendemos entender as transformacións producidas pola difusión do cristianismo na Gallaecia Tardoimperial (séculos IV-V) e o seu eco, tanto nas fontes literarias como na arqueoloxía. O priscilianismo e as súas consecuencias formarán o eixo vertebrador, pero non queremos limitarnos ao estudo da herexía. En termos xerais, non se trata tanto de identificar o vestixio arqueolóxico do movemento priscilianista e a reacción na súa contra que provocou, como de explicar o seu éxito no contexto das transformacións sociais, económicas e políticas que se viven no proceso de afundimento da dominación romana en Hispania.

    INSCRIPCIÓN:

1.       Os asistentes ao congreso poderán inscribirse aquí, ata o 15 de setembro. O alumnado de Doutoramento deberán indica-lo na inscrición para que poda reflectirse no certificado correspondente.

2.       Os doutorandos que desexen presentar unha comunicación deberán inscribirse como asistentes e deberán tamén enviar a seguinte información: título da aportación; resumo (unhas 300 palabras); nome/s do/as autor/as; institución á que pertence/n; correo electrónico do autor/a; teléfono do/a autor/a, a través deste enlace, antes do 30 de abril. 

PRISCILIANISMO E GALLAECIA

Conta de pulseira de vidro negro do século IV

​

COMITÉ ORGANIZADOR

Pedro López Barja de Quiroga (pedro.barjadequiroga@usc.es)

Marco García Quintela (marco.garcia.quintela@usc.es)

José Carlos Sánchez Pardo (josecarlos.sanchez@usc.es)

Pilar Prieto Martínez (pilar.prieto@usc.es)

Adolfo Fernández Fernández (adolfo@uvigo.es)

SECRETARÍA DO CONGRESO: Estíbaliz García Gómez (acreditacionesysexenios@gmail.com)

​

organizan
colaboran
bottom of page